Estes últimos meses distintos colectivos da comarca de Ferrol Terra veñen sufrindo as consecuencias da agudización do conflito que representa a localización ilegal e perigosa da planta regasificadora de REGANOSA. Os viciños e viciñas de Mugardos pechados na Casa do Concello desde o pasado 23 de xullo, porque ven ameazadas as súas vivendas; os mariscadores e mariscadoras que ven ameazados os seus postos de traballo co impacto ambiental negativo da tecnoloxía de vaporización por auga mariña que utiliza REGANOSA, e a paralización da actividade marisqueira cando entra ou sae un gaseiro. Ademais, está o esforzo mobilizador e de denuncia en varios frontes (xudicial, institucional, asociativo...) que parte da cidadanía desta comarca, co Comité Cidadá de Emerxencia ao fronte, ven desenvolvendo desde o ano 2000. Todo isto por estar no convencemento de que, REGANOSA é unha ameaza para a vida de 100.000 persoas e a riqueza marisqueira da Ría de Ferrol.
Sabemos que REGANOSA non ten todos os permisos que necesita para realizar a actividade que mantén nestes momentos. Non ten a acta de funcionamento definitivo. Aínda así, desde o pasado 9 de maio, co pretexto de “probas”, está protagonizando un feito consumado máis, co funcionamento de todos os seus sistemas de almacenamento de gas natural licuado (GNL) e de produción de gas natural regasificado que inxecta nos gasodutos, cun risco real para a vida humana e para o emprego de 600 traballadores e traballadoras do mar.
A autorización de construción de REGANOSA de febreiro de 2004, ten uns condicionados que debe resolver antes da autorización definitiva. Seguindo a política de feitos consumados e coas complicidades políticas aseguradas no anterior goberno de Fraga, REGANOSA foise convertindo nestes anos nunha ameaza cada vez máis real dentro da nosa Ría. Desde hai un ano, con escritos e entrevistas, o Comité Cidadán de Emerxencia reiterou ao Ministerio de Industria, ao Delegado do Goberno en Galicia, ao Subdelegado e ao Director da Área de Industria e Enerxía da Coruña, que os condicionados da autorización de REGANOSA deberían ser verificados pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas. Como se dunha pataca quente se tratase, esta administración trasladounos á Área de Industria e Enerxía da Coruña que non conta cos recursos necesarios para realizar esa verificación, correndo toda a comarca o perigo de que a autorización definitiva se faga tendo en conta só os informes que a propia REGANOSA presente diante deste organismo.
É imposible que REGANOSA poida resolver determinados condicionados da súa autorización de construción de febreiro de 2004, entre eles o das distancias á poboación que require o artigo 12 do Real Decreto 1254/99 ou Directiva Seveso II, segundo testemuña o informe de 22 de xaneiro de 2004 da Dirección Xeral de Urbanismo, único organismo competente para aplicar en Galicia dito artigo. Así mesmo tamén é imposible que REGANOSA poida resolver a saída ao mar dos gaseiros en caso de emerxencia, segundo require a norma EN-1532 de obrigada aplicación tal e como tamén testemuña outro condicionado da Autoridade Portuaria de Ferrol nos seus informes de outubro de 2001 e xaneiro de 2004.
Necesitamos un esforzo máis de toda a cidadanía para conseguir que as institucións que poden parar esta ameaza ecolóxica e para a vida humana, cambien as súas políticas:
a) O Goberno Central que ten competencias para decidir que, en base a eses condicionados non resoltos, non sexa aprobada a acta de funcionamento definitivo de REGANOSA.
b) A Xunta de Galicia para que renuncie à herdanza envelenada do caso REGANOSA, e así mesmo, reoriente a súa política enerxética para que deixe de ser unha ameaza para a Ría e para a vida de miles de persoas de Ferrol Terra.
c) O Concello de Ferrol para que acorde dirixirse ao Tribunal Supremo a fin de que faga firme a sentenza 536/2004 favorable á cidadanía de Ferrol e que anula a falsa tramitación ambiental de REGANOSA.
d) O Concello de Mugardos, para que revise as licencias, permisos e acordos con REGANOSA, que están ameazando a vida e os intereses da veciñanza.
A unidade, a conciencia cidadá, a transparencia e a mobilización conseguirán o noso obxectivo.
NUNCA É TARDE para que unha decisión administrativa, xudicial ou política paralice esta ameaza antes de que ocorra unha catástrofe que pode provocar miles de vítimas.
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
_________________
Nota.-
Escrito oficial da convocatoria, acordado na reunión da Mesa de Traballo do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, celebrada onte, martes 11 de setembro, nos locais da Asociación Veciñal de Ferrol Vello.
_________
Só se editaron 1.000 cartaces que se distribuíran na Asemblea Cidadá que está previsto que se celebre o vindeiro xoves, dia 13 de setembro, ás 19:30 hrs, nos locais da Asociación Veciñal de Ferrol Vello.
Polo que, quen poida, que copie e distribuía o cartaz polo medio que saiba.
O mesmo dicimos para o Escrito da Convocatoria, da que só se editaron 3.000 unidades en A4.
[Clicar acima da imaxe para ampliar e logo baixar]
Nenhum comentário:
Postar um comentário